Oct 7, 2013

Benvidos a un novo curso

Comezamos as colaboracións neste novo curso coa narración conmovedora de Irene Arto Escuredo, alumna de 1º de BAC e integrante do EDLG. Este texto é unha mostra máis da valía da nosa xuventude, das mozas e mozos que perseguen co seu esforzo un futuro mellor, máis xusto e solidario. Amósanos que a indiferenza e a apatía non son propias deles e que unha sociedade máis xusta será posible. Convidámosvos a ler este excelente relato que nace dunha traxedia que avergoña a Europa, pero que é unha luz de esperanza desde o latexar comprometido da nosa mocidade. 


Jan 9, 2013

Benvida


Nós, Tamén queremos chegar Máis Alá coa Lingua Galega.

Dicía o escritor Manuel Antonio no seu manifesto Mais Alá : Agora cómprevos dicir, mozos da nosa Terra, se pensades seguir indo costa abaixo polo tempo ou encarados co porvir

Este é o blog  do Equipo de Dinamización  do IES Saturnino Montojo (curso 2012-2013), un vehículo máis para proseguirmos na nosa viaxe Máis Alá coa Lingua Galega,  viaxe que facemos cada día na aula, no recreo, nos corredores, nas actividades complementarias...
Para esta andaina contamos coa complicidade e axuda da Dirección,   dos departamentos didácticos, e de   moitos alumnos e alumnas, profesores e persoal non docente.

Cando os ventos non nos son favorables  nesta tarefa, empregamos,  como dicía Einsten, unha forza motriz máis poderosa que o vapor, a electricidade e a enerxía atómica: A VONTADE.  A vontade de recuperar o galego é a nosa ITACA, chegar a ela é o noso destino e combatemos aos Cíclopes e lestrigóns coa forza que nos dá a historia, a tradición, a lei e a xustiza.

Jan 7, 2013

Presentación do novo equipo


Este curso estreamos Equipo de Dinamización Lingüística. Pasaron catro anos e tocou renovación. A nova Coordinadora é Carme Fernández, do Departamento de Lingua Galega, en realidade ela sempre estivo á hora de traballar, aínda que non figurara nos papeis. Os outros membros do profesorado son Anxo Bugeiro do Departamento de Ciencias Naturais, que repite una tempada máis,  e Corona que tampouco se pode dicir que sexa nova nisto da Normalización do Galego. O membro do persoal non docente do novo equipo segue sendo  José, tamén un clásico co que  estamos encantados. Todos sabedes o que vale! Pero as adquisicións máis interesantes , sen desmerecer a ninguén, son as dos alumnos e alumnas. Creo que  son o mellor do mellor: Lucía Amado, Simón Pazos e Nerea Teijeiro, xunto con Irene Arto, Sandra Díaz, Sara González, Darío,… 

Non sei por que, pero este curso estamos moi, moi motivados e contamos con moita colaboración, tanto por parte da Dirección como de  numeroso profesorado e  alumnado.

 Estamos moi conectados  e queremos que vós o esteades  tamén. O noso obxectivo é crear unha redeira que envolva á nosa Comunidade Educativa, e que as nosas actividades sexan compartidas  cos departamentos, coa Biblioteca, coa Vicedirección  para que resulten variadas e  atendan aos vosos gustos.

Estamos empeñados en darlle visibilidade á Lingua Galega no Centro, sacala das clases de galego e escoitala polos corredores, nos recreos, nas excursións.... porque ela, por historia, por lei, por cultura,  ten que estar nas vosas bocas con naturalidade e espontaneidade.
                        
Nós, Tamén. Voceiro do Equipo de Dinamización Lingüística.